VALOR SÉNIOR

Elena Candia defende melloras para os maiores, “un colectivo estratéxico que merece máis protagonismo e participación en toda a vida municipal”

A popular continúa a avanzar nas súas xestións ante a Xunta de Galicia para a chegada de máis servizos para maiores

A candidata do PP á alcaldía de Lugo, Elena Candia, propón darlle maior visibilidade ao talento sénior e apoderar á xente maior para que poida elixir onde desexa pasar a súa xubilación. Así, ademais de consolidar espazos de formación e interacción que promovan un envellecemento activo, propón traer a Lugo novas solucións habitacionais no casco histórico como o ‘cohousing’ para que os maiores vivan cómodos e con servizos de calidade á vez que se revitaliza o centro histórico.

Deste xeito, o Concello complementaría o labor que está a desenvolver a Xunta na mellora das residencias da terceira idade, coa mobilización de 8 millóns de euros entre a das Gándaras e a da Milagrosa, así coma os 12 millóns de euros que inviste a Fundación Amancio Ortega no barrio da Residencia para ofertar outras 120 prazas. Paralelamente continúan os traballos para que medio cento de persoas con Alzhéimer poidan residir nunha zona sen uso no antigo hospital de Calde.

Cambiadores inclusivos e transporte urbano gratuíto

Consciente da relevancia que ten o colectivo da terceira idade, Elena Candia comprométese a crear unha Concellería de Maiores para fomentar a participación deste colectivo, para o que tamén propón outra batería de medidas específicas:

A posta en marcha de cambiadores inclusivos, que, cun concepto equiparable ao dos cambiadores de bebés, poidan ser útiles ás persoas maiores ou con discapacidade e tamén a quen as coidan.

A implantación da gratuidade do sistema de transporte urbano para as persoas xubiladas e pensionistas, co obxectivo de reforzar a súa autonomía e de minimizar a súa dependencia dos e das familiares.

A eliminación da lista de agarda no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para mellorar a atención que reciben, ao tempo que se lles dá un respiro ás súas persoas coidadoras.

A mellora na atención cidadá co uso dunha linguaxe máis sinxela nos trámites burocráticos para facelos máis comprensibles e cun cadro de persoal ben dimensionado para reforzar a atención individual nas consultas telefónicas e presenciais.

O impulso de programas de mellora de competencias de alfabetización dixital, así como de prevención da dependencia e de promoción social para evitar o illamento social ou a sobrecarga emocional.

Este sitio web emprega cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás a dar o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies