IMPULSO AO TECIDO EMPRESARIAL E AO EMPREGO CUN DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

Elena Candia propón impulsar “un Lugo economicamente máis dinámico” para convertelo no motor da provincia ao crear emprego, fixar poboación e reter talento
A popular pretende apoiar a contratación de persoal coa bonificación de taxas municipais

A candidata do PP á alcaldía de Lugo, Elena Candia, defendeu esta semana o seu compromiso de impulsar “un Lugo economicamente máis dinámico” grazas á transformación do Concello nun aliado para os promotores de calquera iniciativa empresarial da man da creación dun equipo técnico municipal que os asesore e acompañe.

Esta estrutura de expertos desbloquearía tramitacións e licenzas e tamén axilizaría a instalación de novas actividades coa elaboración dunha Ordenanza de Simplificación Administrativa e de reactivación económica que lle sirva como apoio ao persoal do Concello, “un piar imprescindible”, como subliña Elena Candia.

Ademais, Elena Candia anuncia que, se é elixida alcaldesa, rebaixará impostos como o ICIO ou o IBI, suprimirá a plusvalía, estudará bonificar ata o 95% das taxas e reducirá o recibo do lixo para empresas que apenas xeran residuos, coma ximnasios ou despachos profesionais.

Máis medidas para un ecosistema empresarial activo

A posta en marcha dun Polo de Emprendemento que funcione de xeito coordinado cos outros viveiros que xa ten o municipio, coma o da Fundación CEL.

A implantación de plans de formación específicos para as persoas desempregadas da man das demandas dos distintos sectores empresariais.

A creación de bonos comercio para estimular o consumo de proximidade e reforzar o seu atractivo.

A mellora na seguridade, o mantemento e os servizos dos polígonos industriais, coa entrada en funcionamento das cámaras de videovixilancia, a renovación da rede de abastecemento do Ceao ou a creación de puntos de apoio á conciliación familiar (gardaría, ocioteca e ludoteca) neste polígono e tamén no das Gándaras.

A legalización de zonas industriais coma A Louzaneta, A Campiña ou a contorna da Estrada de Santiago para facilitar que a ampliación ou o cambio de actividades destas construcións.

A reivindicación dunhas mellores infraestruturas, coma o corredor de mercadorías, a restitución das frecuencias de tren suprimidas por mor da pandemia ou a conexión con Santiago de Compostela co remate da A54.

Este sitio web emprega cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás a dar o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies