9 de marzo de 2023

Elena Candia reforza o impulso á participación da sociedade luguesa coa súa nova web.

A candidata popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, presentou esta mañá a web www.lugooprimeiro.com que definiu como “unha nova ferramenta de contacto” da veciñanza de Lugo “para seguir a construír entre todas as persoas un proxecto de municipio do que eu son unha máis”.

Durante a rolda de prensa, Elena Candia explicou que o portal conta cun total de seis seccións: o decálogo de eixes de actuación, a presentación da candidata, unha recompilación en vídeo dalgunha das xuntanzas celebradas en barrios e parroquias, un espazo de ‘Eu apoio a Elena’, un formulario de contacto ao que se pode acceder dende o botón da ‘frontpage’ e un apartado coa actualidade da candidata. Tal como detallou, o fío condutor da web é “indiscutiblemente” a participación e a apelación a sumarse a un cambio “que só será posible coa implicación masiva de toda aquela xente que, coma min, sente que Lugo é moito máis có que temos agora mesmo”.

Nesta liña, a candidata popular afondou en que a web foi construída “en coherencia con ese espírito de ‘Lugo o primeiro’ que consiste en antepoñer o que as persoas luguesas nos foron trasladando ao longo de todos estes meses”. Deste xeito, recalcou que no apartado ‘Este é o cambio que queres’ xa se pode consultar un avance do programa electoral co que concorrerá ás vindeiras eleccións municipais, un traballo de redacción que ten previsto concluír ao longo deste mes. “Creo na transparencia como un compromiso persoal e político, por iso coido que é tan importante que todo o mundo poida saber o que poden agardar de nós e por iso somos a primeira forza en dicir tan abertamente cal é o seu modelo de municipio”, asegurou Elena Candia, ao tempo que incidiu en que “se hai unha sección viva en toda web é esta, que iremos actualizando a medida que vaiamos avanzando en novas medidas do programa”.

‘Eu apoio a Elena’
O portal inclúe tamén un apartado onde diferentes persoas luguesas amosan o seu respaldo ao proxecto da popular, incluíndo veciños e veciñas de a pé, coma o fisioterapeuta Santiago Amedo, a avogada Alexandra Gual ou o industrial Manuel Castiñeira, así como dous exalcaldes (Tomás Notario e Joaquín García) e todos os candidatos do PP dende 1999, “ano dende o que leva o PSOE á fronte do goberno local”, como foron Ramón Arias, Manuela López, Jaime Castiñeira e Ramón Carballo.

Durante a súa comparecencia, a candidata popular tamén lles agradeceu “ser a cara visible de todas esas persoas que se achegan a nós na rúa dicíndonos que Lugo merece un cambio”, algo que tamén evidencia a participación nas xuntanzas en barrios e parroquias do municipio, que se recolle en varios vídeos da propia web.

Unha web ‘sinxela e directa’
A candidata popular estivo acompañada na presentación por Iago Roma, de Atalaya Comunicación, quen destacou que “o obxectivo que perseguiamos co deseño e implantación da web era o de reflectir a personalidade de Elena Candia, quen é sinxela, clara e directa”, ao tempo que se formulaba unha proposta “coherente” co resto de materiais divulgados, coma o decálogo de eixes que o PP está a buzonear neste momento.

“Outra das máximas que nos moveu foi a do fomento da participación, xa que a principal directriz que nos marcou Elena Candia dende as primeiras xuntanzas foi a de ter un espazo que convidase á implicación de todas aquelas persoas que tivesen unha idea que achegar”, explicou Iago Roma, ao tempo que subliñou que “por esa mesma razón, o primeiro botón que atopamos ao acceder é xusto o de realizar propostas”, que remite a un formulario “con papel destacado”.

Por último, o representante de Atalaya Comunicación detallou que “sen renunciar a ter un deseño o máis atractivo posible, o que foi irrenunciable para nós era ter unha web 100% usable e adaptable a todos os dispositivos de acceso, incluíndo por suposto os smartphones”.

CONTACTO

618 626 902

Este sitio web emprega cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás a dar o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies