6 de febreiro de 2023

Elena Candia presenta este xoves o seu contrato cos lugueses, “pensado para a campaña hoxe e para gobernar mañá”

A candidata popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, presentará este xoves día 9 de febreiro o contrato que asina publicamente coas persoas luguesas nun documento que foi concibido “para a campaña hoxe e, especialmente, para gobernar mañá”.

 

Neste senso, a aspirante popular indica que “moitas das medidas que recollemos nel son cuestións de sentido común e que requiren máis de vontade política que dun grande orzamento”, o que converte este documento “en algo realista e 100% alcanzable, cuxa execución poderán seguir en tempo real todas as persoas veciñas nun exemplo da transparencia e da rendición de contas que impulsarei se o equipo que encabezarei obtén a confianza maioritaria”.

 

Para dar a coñecer este contrato, Elena Candia participará nunha batería de dez actos organizados especificamente para reflectir os seus 10 eixes de acción. Así, a xornada comezará nunha explotación gandeira de San Xoán do Campo co obxectivo de “visibilizar que o rural ocupará un lugar moi importante nas miñas prioridades como alcaldesa, fronte ao esquecemento no que se atopan moitas parroquias coma esta, que carece de auga e abastecemento”, sinala a candidata popular á alcaldía de Lugo.

 

A continuación, a alcaldable irá intervindo noutros nove espazos ao longo da xeografía do municipio, incluíndo empresas, como Maderas Besteiro ou a distribuidora Dosgar, e tamén o Conservatorio de Música Xoán Montes. “Son só catro exemplos que escollemos para ilustrar os que serán os nosos 10 eixes principais de intervención a prol da sociedade luguesa”, anticipa Elena Candia, quen manterá tamén xuntanzas con colectivos sociais e con diversas persoas “que exemplifican algunhas das lagoas máis graves deste goberno e ás que nós lles queremos pór solución”.

 

Primeira candidata en dar a coñecer o seu programa

Deste xeito, o xoves Elena Candia converterase na primeira aspirante das sete grandes cidades en presentar o núcleo forte do seu programa electoral, que seguirá a enriquecer coas achegas das persoas luguesas “ata o último momento” e tamén coas do documento marco que está a elaborar o Partido Popular de Galicia.

 

“Se somos quen de difundir os nosos principais compromisos a 107 días da celebración das eleccións municipais é, fundamentalmente, por dúas razóns: por unha banda, pola ampla participación da sociedade luguesa nas nosas xuntanzas en barrios e parroquias, onde nos compartiron as súas inquedanzas máis destacadas; e, pola outra, polo noso proxecto de municipio, que foi deseñado especificamente para Lugo e que contrasta coas intencións doutros de conformarse con replicar o que fan en Vancouver ou en Pontevedra”, conclúe Elena Candia.

CONTACTO

618 626 902

Este sitio web emprega cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás a dar o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies