Elena Candia di que o persoal municipal “será un grande aliado da etapa que Lugo abrirá este domingo”
A candidata do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Elena Candia, asegurou esta mañá que o persoal do Concello vai ser “un grande aliado da nova etapa que imos abrir este domingo día 28 de maio”, dado que, como sinalou, “os recursos humanos son, canda os orzamentos, o piar fundamental para unha acción municipal dilixente, eficaz e eficiente”.
No mesmo día no que se celebra a festividade de Santa Rita, patroa dos funcionarios da administración local, Candia desgranou o seu modelo, baseado “na proximidade e na atención personalizada para axudar tanto ao traballador do Concello como á propia cidadanía”, de xeito que quede “patente” que “temos grandes profesionais que ata agora fallaban pola dirección política”.
Neste novo deseño inclúese unha batería de medidas orientadas especificamente ao persoal do Concello, “pero que indubidablemente redundarán no servizo que reciben as persoas veciñas” como son a promoción dun diálogo social real, a creación dunha estrutura eficiente apoiada en xefes de servizo ata chegar a unha organización resolutiva e con dinamismo e a actualización do convenio colectivo, xa que o actual data de 1991.
Un Lugo para todos e todas
Estes compromisos veñen acompañados tamén de propostas específicas para distintos colectivos, como o da xente maior e o da poboación migrante ou vulnerable:
• Eliminación do requisito da cita previa para a atención presencial no Concello, o que garantirá que ninguén quede sen atender por non contar con ese trámite previo.
• Descentralización de determinadas xestións, facilitando tramitacións básicas nos centros sociais dos barrios, ademais de contar cun cadro de persoal ben dimensionado para reforzar a atención individual nas consultas telefónicas e nas presenciais.
• Simplificación da linguaxe burocrática cun programa de lectura sinxela que facilite a comprensión dos trámites máis habituais.
• Programas de mellora de competencias para as persoas maiores no eido da formación dixital.
• Creación dunha oficina municipal de información, orientación e mediación para a poboación migrante e para persoas vulnerables; e sinatura de convenios con asociacións para ter un servizo de intérpretes de idiomas dos colectivos estranxeiros máis numerosos.
Un Concello actualizado
Ademais, o programa do PP tamén prevé unha mellor atención cidadá grazas ao desbloqueo da administración electrónica e a unha maior supervisión e control dos contratos que ten o Concello con empresas concesionarias.
• Impulso da administración electrónica, con máis trámites na sede dixital do Concello co obxectivo de prestar unha atención 24/7, ademais de posibilitar que se poidan completar integramente a través da rede.
• Redución dos prazos de tramitación de expedientes para axilizar a súa resolución, especialmente en áreas vinculadas á concesión de licenzas e desenvolvementos urbanísticos.
• Renovación dos contratos caducados, coma o da ETAP ou o da EDAR, onde se lanzarán proxectos piloto para reducir a pegada medioambiental das instalacións municipais.
• Maior control das empresas concesionarias para garantir a calidade da prestación dos servizos e o trato ao seu persoal.
Este sitio web emprega cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás a dar o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.
ACEPTAR