CONCELLO CERCANO

Elena Candia ve na atención cidadá o primeiro contacto da veciñanza co Concello, polo que propón unha administración máis eficiente e áxil

A candidata popular salienta que “o Concello ten grandes profesionais que fallan pola dirección política”

A candidata do PP, Elena Candia, promoverá un modelo de acción municipal baseado na proximidade e na atención personalizada para mellorar o día a día tanto das persoas traballadoras do Concello coma da propia cidadanía. Nese novo deseño, Elena Candia defende que “xunto cos orzamentos, os recursos humanos son o piar fundamental para unha acción municipal dilixente, eficaz e tamén eficiente”.

Para facelo realidade se é elixida rexedora, Elena Candia promoverá un diálogo social real, garantirá unha estrutura eficiente apoiada en xefes de servizo ata chegar a unha organización resolutiva e con dinamismo ou actualizará un convenio colectivo que data de 1991, entre outras medidas. “Aí comprobarase que se algo non funciona no Concello é pola dirección política, non porque non haxa grandes profesionais”, conclúe Elena Candia.

Máis persoal para a atención física e máis trámites online

Elena Candia impulsará un paquete de medidas para revitalizar o funcionamento do concello e dignificar tanto a institución como a imaxe do persoal municipal co obxectivo de adaptar a administración ás persoas en lugar de obrigar á veciñanza a amoldarse ao Concello.

Eliminar o requisito da cita previa para a atención presencial no Concello, o que garantirá que ninguén quede sen atender por non contar con este trámite previo.

Ter un cadro de persoal ben dimensionado para reforzar a atención individual nas consultas telefónicas e nas presenciais

Impulsar a administración electrónica con máis trámites na sede dixital do Concello co obxectivo de prestar unha atención 24/7.

Reducir os prazos de tramitación de expedientes para axilizar a súa resolución, especialmente en áreas vinculadas á concesión de licenzas urbanísticas.

Simplificar a linguaxe burocrática cun programa de lectura sinxela que facilite a comprensión dos trámites máis habituais, ao tempo que se impulsan programas de mellora de competencias para as persoas maiores no eido da formación dixital.

Este sitio web emprega cookies para que teñas a mellor experiencia de usuario. Se continúas navegando estás a dar o teu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies.

ACEPTAR
Aviso de cookies